ATDP | Celebrando o #CocidoDay 2017 en Casal de Armán

Celebrando o #CocidoDay 2017 en Casal de Armán

31 marzo 2017
Comentarios: 0
31 marzo 2017, Comentarios: 0

Cocido Day en Casal de Armán

Este mes tiven a oportunidade de participar do #CocidoDay da man de Alberto Ribas (Máis grelos, @alvientooo, Mr. Food Styler… esquézome dalgo? :-)) e achegueime a Ribadavia a vivir de primeira man a experiencia nun espazo tan emblemático como é San Andrés de Ribadavia e a bodega de turismo rural Casal de Armán.

O #comandoArmán (así o podes buscar nas redes) tivemos unha acollida moi amable polos anfitrións deste espazo que acolle bodega, hospedaxe e experiencia culinaria da man de Marco Varela, chef encargado de servir un cocido sabroso, abondoso e destacado entre outros manxares do Restaurante Sábrego.

Antes da comida puidemos visitar a bodega, e coñecer un pouco máis do proceso de creación, selección e embotellado dos viños Casal de Armán, con principal ollo nas ferramentas de control de calidade na elaboración. Todo da man de Javier González, co cal puiden poñer en común cuestións clásicas do entorno enolóxico, coma o equilibrio de prezos no sector ou se mola máis o albariño ou o ribeiro. 😉

O #comandoArmán

Ademáis da xornada solleira que non agardabamos ter en primeira instancia, os asistentes puidemos coñecernos mellor ao mesmo tempo que voaban as bandexas. Igual xa coñeces á maioría, pero podes pasar lista nesta ligazón facilitada por Óscar Sánchez.

E que é o que fan profesionais da comunicación, do turismo e achegados? Tuitear. O hashtag #CocidoDay foi por cuarto ano consecutivo o trending topic da xornada en Twitter, debido á súa presenza en moitas localidades, non só de Galicia e España, se non tamén de México, Irlanda, Gran Bretaña ou Polonia. A unión de redes sociais e experiencia gastronómica que fan deste evento unha cita con continuidade.

Coñecendo Ribadavia

Como é fácil liarme en coñecer novos sitios e disfrutar de novas experiencias, Ana Otero levounos a visitar Ribadavia con unha tarde ben redonda na que puidemos escoitar a historia do Castelo dos Condes de Ribadavia, a familia Sarmiento, un espazo que de tanta historia alenta a imaxinación. Tal vez por iso se presta tan ben ao teatro, arte moi traballada na zona e que ten o seu máximo expoñente na Mostra Internacional de Teatro, que este ano terá lugar do 15 ao 24 de xullo.

Ademáis de pasear polas rúas do fermoso barrio xudeu, coñecemos a Herminia, unha muller máis que amable que tivo a amabilidade de ofrecernos algunhas das súas xoias doces de pasteis e galletas xudeus. A tafona é un espazo de por sí ben fermoso, pero as persoas son as que fan ao lugar, e Herminia contounos como comezou nesta tarefa, con paciencia e moita retranca galega. 🙂

Despois da xornada aínda seguía o #CocidoDay, que comeza a asomar polas noites coma un formato lúdico e gastronómico, pero isto é outro tema e haberá que deixalo para outra ocasión.

 

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.
más información

ACEPTAR
Aviso de cookies
ATDP | Diseño y comunicación