ATDP | Moi formados e moi profesionais

Moi formados e moi profesionais

13 noviembre 2017
Comentarios: 0
13 noviembre 2017, Comentarios: 0

Desta volta tiven a ocasión de participar no grupo de comunicación das Xornadas de Encontros entre Formados e profesionais, a campaña coa que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Rede Galega de Formación Profesional de Hostalaría de Galicia pretenden visibilizar o traballo de alumnos e profesores, a súa calidade e o alto nivel de inserción profesional dos formados nesta disciplina.

A actividade tivo lugar no CIFP Manuel Antonio de Vigo, (CIFPMA) ubicado na contorna do Hospital Meixoeiro de Vigo, ao que asistimos varios profesionais do eido da comunicación para tomar boa nota da actividade. Unha xornada de #formadoseprofesionais na que puiden coñecer as instalacións e as características da formación que alí se imparte.


O CIFP Manuel Antonio

Construído xunto co Centro Residencial Docente (CRD) en 1976, actualmente é un centro público de ensinanza de Ciclos de Formación Básica e de Graos Medio e Superior. Entre a formación impartida atopámonos con unha lista máis que completa centrada no sector servizos e que contempla:

  • Cociña e restauración
  • Cociña e gastronomía
  • Servizos en restauración
  • Axencias de viaxes e xestión de eventos
  • Dirección de cociña
  • Dirección de servizos de restauración
  • Guía, información e asistencia turísticas
  • Xestión de aloxamentos turísticos

Así, tras unha recepción por parte do mestre de cerimonias José Manuel García (@Jose_Ma_Garcia) e polo director do centro Rubén Otero (@rubenotcaneda), comezou o acto e mesa redonda, seguida dunha visita guiada minuciosamente preparada polos propios alumnos.

Os meus compañeiros do grupo de comunicación encargado de visibilizar a actividade foron Andrea (@Lady_Compostela) ,Arancha Vilas (@AriVilas78), Emilio Vila (@ev_vila ), Xoan Ameixeiras (@xoanameixeiras ) e Pablo Mariño (@Bluscus). Non puideron completar a comitiva Celso Gómez (@monterredondus) nin Carmen Albo (@guisandomela), e ata a hora de comer non chegou Roberto Pérez Marijuan (@RoberVigo).


O centro e a formación profesional

Tras a recepción, comezaron no salón de actos as charlas dos ex-alumnos, unha mesa redonda moi interesante para falar das realidades do mercado laboral das cales todos tomamos boa nota.

Os antigos alumnos puntualizaron aqueles aspectos máis importantes na súa carreira profesional, incidindo de forma reiterativa na necesidade de multiplicar esforzos en aproveitar as ensinanzas dos mestres. Tamén a profesionalización e a especialización foron punta de lanza na conversa, con algunhas picadas directas ao profesorado, puntualizacións que en base á crítica, son de interese para a mellora da formación.

Desde a miña perspectiva é destacable o desexo de todo o colectivo por dignificar e profesionalizar a profesión, e achegar a novas cotas o nivel do sector, tan vilipendiado na nosa sociedade. De feito, todos os ex-alumnos citan a necesidade de poñer ganas,  ilusión, e moito traballo duro, o cal na maioría dos casos se traduce en facer prácticas non remuneradas en entidades de renome.

Unha vez rematada a mesa redonda e durante a visita puidemos coñecer en detalle o centro, guiados polos propios alumnos, que nos levaron a coñecer onde levan a cabo as labores prácticas derivadas das distintas ensinanzas. Unha reproducción dun hotel, con recepción, carrito e mostra de napkins (dobrado de servilletas ou lencería), mantemento e recollida da habitación e do baño, etc. A continuación puidemos visitar as clases de cada ciclo, aulas nas que se simula por exemplo o traballo en axencia de viaxes mediante os programas específicos do sector, e a biblioteca, un espazo de teito acristalado circular, pensado a distintos niveis ou alturas.

E para rematar, unha visita ás cociñas e ao restaurante, onde cada día se preparan distintas especialidades que logo se sirven no restaurante Manuel Blanco Hermida, nas propias instalacións do CIFPMA. De feito podes reservar mesa neste restaurante de mércores a xoves ás 14:15 h e ás 20:00 h durante os periodos lectivos.


Talleres de profesionais ou showcookings

Para rematar a xornada nada menos que unhas demostracións reivindicativas arredor do oficio de barista con Luís Blanco (ex-alumno e copropietario de The Coffee Land), do de cociñeiro de sushi da man de Adrián Figueroa (de Puro Sushi) e de tres especialistas chocolateiros. Tivemos a sorte de saborear parte destes excelentes traballos culinarios, de xeito previo á comida que tiña lugar a continuación, para a cal estaban convocadas distintas figuras da política e da gastronomía.

Unha vez chegaron as autoridades competentes puidemos acceder ao comedor, onde os propios alumnos fixeron unha demostración da alta calidade da aprendizaxe e do servicio, con unha carta e uns platos de alto nivel.


A profesionalización do sector da hostalaría

Na miña opinión a formación é cada día mellor e a aprendizaxe dos oficios é esencial para as persoas de vocación e talento. A Formación Profesional é unha alternativa educativa cada vez de maior calidade e unha opción a ter en conta para aqueles que dubidan en continuar os seus estudos.

Como cita Rubén Otero «en Galicia hai nada menos que sete escolas superiores de hostalaría, o que da unha idea do alcance deste sector na nosa sociedade». A respecto disto considero importante reivindicar, ademáis da profesionalización dos individuos, as prácticas remuneradas. Sigo sorprendido do feito de que negocios de alta cociña usen aos estudiantes como carne de batalla nas súas cociñas, con xornadas maratonianas que desbotan talentos coma churros. O traballo dignifica, pero por moito que se considere remunerado coa aprendizaxe, moitas familias tiran de aforros para que os seus fillos poidan facer prácticas non remuneradas. Unha revisión crítica do capital humano é precisa para cambiar a percepción non só deste sector na economía do noso país.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.
más información

ACEPTAR
Aviso de cookies
ATDP | Diseño y comunicación